Friday 29 de March de 2024

Asociacións de empresarios e veciños da Coruña solicitan o apoio da Deputación para reactivar o proxecto da Cuarta Ronda


Os empresarios consideran que a infraestrutura xeraría un retorno importante para a área metropolitana coruñesa en termos de emprego e actividade económica

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado responsable da área de Transición Ecolóxica e Emprego, José Ramón Riobóo, recibiron esta mañá na institución provincial aos presidentes das asociacións de empresarios de Agrela e Pocomaco, Ana López e Ricardo Tormo, representantes da promotora do polígono de Vío e da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e a súa área metropolitana.

Os representantes dos empresarios e entidades veciñais coruñesas solicitaron o apoio da Deputación para recuperar o proxecto da Cuarta Ronda, un vial de 2,91 quilómetros que conectaría o final a AC-15 (conexión ao porto exterior) e a AC-14 (Terceira Ronda), conectando os polígonos de Pocomaco e Vío.

O presidente da Deputación da Coruña destacou “o interese do proxecto para vertebrar as comunicacións da área coruñesa e impulsar conexións axeitadas de infraestruturas estratéxicas coma o porto exterior e os polígonos industriais, ademais de permitir habilitar novo solo industrial”. Neste sentido, anunciou que pedirá un informe técnico ao departamento provincial de Vías e Obras para valorar esta e outras opcións que contribúan a mellorar a conectividade dos polígonos empresariais da área coruñesa.

Os representantes dos empresarios e a Federación de entidade veciñais coruñesa consideran que esta nova infraestrutura, que requiriría dun investimento do Ministerio de Fomento de 23,7 millóns de euros, contribuiría a comunicar de forma eficiente os portos exterior e interior da cidade cos polígonos empresariais de Agrela e Pocomaco, actualmente saturados, cos máis de 500.000 metros cadrados de solo empresarial, completamente construído e de dispoñibilidade inmediata, existentes no polígono de Vío.

Segundo o estudo encargado polas entidades empresariais para analizar o impacto social e económico da infraestrutura na área metropolitana coruñesa, o investimento de construción da Cuarta Ronda xeraría retornos importantes en termos de emprego (11.075 empregos nunha década) e na recadación de impostos locais, IVE ou IRPF, engadindo á economía da área coruñesa 1.106 millóns de renda líquida en dez anos.